Este outono arrancaba a segunda edición do proxecto Capacitad@MENTE, orientado á formación e inclusión laboral de persoas con trastorno mental. A Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal) lidera este programa que conta co patrocinio de Johnson & Johnson e a colaboración de ERIT, un dos seus Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social (CEEIS) asociados.
O Capacitad@MENTE nace co obxectivo de garantir os dereitos laborais deste colectivo, ademais de fomentar a súa integración social. A través da formación e do acompañamento no proceso de busca de emprego, a iniciativa busca reducir o estigma asociado aos trastornos mentais e mellorar o benestar das persoas participantes.
O presidente de Cegasal, Mino Martínez, destaca a importancia deste proxecto para o sector da discapacidade, ao constituír un programa teórico e práctico que forme a persoal cualificado e facilite o seu acceso ao mercado laboral. “Hai moitísimas posibilidades de poder encontrar un traballo cun salario e unhas condicións dignas. Precísase de persoal cualificado en todos os sectores. Oxalá que o día de mañá, estas persoas poidan dar o salto á empresa ordinaria pola experiencia adquirida nos CEEIS”.
O proxecto estrutúrase en dúas fases. Por unha banda, unha dedicada á capacitación para o emprego, que contempla a formación básica en competencias transversais e prelaborais en áreas como a dixital, os primeiros auxilios, a prevención de riscos ou a manipulación de alimentos. E, pola outra, a centrada na especialización profesional, con módulos específicos en xardinería, mantemento de espazos verdes ou como monitores de ocio e tempo libre. Ademais, o alumnado realizará as súas prácticas nos CEEIS asociados a Cegasal.
Antes de comezar coa formación, a decena persoas participantes foron entrevistadas para “poder identificar a motivación, fortalezas e intereses para a mellora da súa empregabilidade”, explica Rebeca Olveira, traballadora de ERIT e formadora no programa Capacitad@MENTE.
Olveira encargouse de impartir a formación da primeira fase que constou de 7 módulos. As sesións impartíronse de xeito dinámico con obradoiros e actividades prácticas de aprendizaxe cooperativa. Tamén se realizaron exames para avaliar e asegurar que os participantes adquirisen os coñecementos e habilidades esenciais do curso. Recentemente, a finais de xaneiro, deu comezo a segunda fase de formación.
Martínez sinala a autonomía, incluída a independencia económica, como un dos valores que o Capacitad@MENTE lle achega ás persoas participantes. Nesta liña, Rebeca Olveira, considera que o programa supera a dimensión formativa, ao presentarse como “unha ferramenta de cambio de vida que promove unha inclusión real e equitativa das persoas con trastorno mental na sociedade. Máis alá da aprendizaxe técnica, xera un impacto positivo no seu benestar emocional ao reducir o illamento, reforzar a súa confianza e autoestima, pois ábrese un abano de oportunidades reais de inclusión laboral”.
O Capacitad@MENTE volve demostrar como a economía social pode transformar vidas, contribuíndo á construción dunha sociedade máis inclusiva que derribe as grandes barreiras coas que moitas persoas se atopan ao incorporarse ao mercado laboral.